Friday 19 de April de 2024

“Os viveiristas da Habana”, nova exposición no CIMM de Cabanas


O venres 5 de agosto ás 19.00h haberá un relatorio de Ernesto López Naveiras complementando a exposición

O Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas acolle a exposición “Os viveiristas da Habana (mariñeiros emigrados da ría de Ares)”, que estará aberta ao público ata o 15 de agosto.

A través dunha escolma de fotografías, as visitantes poderán coñecer a actividade dos barcos viveiro da Habana gobernados e tripulados por mariñeiros da ría de Ares, unhas embarcacións de vela, aparelladas como goletas, que faenaron ata mediados do século pasado nas perigosas augas do Caribe.

Nun tempo no que a salgadura era o principal sistema de conservación do peixe, os viveiros da Habana, contaban cun enxeñoso sistema que permitía manter vivas as capturas e garantir o abastecemento dos mercados da Habana con peixe fresco.

Relatorio de Ernesto López Naveiras

Para o venres día 5 as 19:00 horas, como complemento da exposición, está previsto un relatorio a cargo de Ernesto López Naveiras, ex-presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco, quen desvelará moitos dos segredos desta actividade económica e das historias persoais destes mariñeiros emigrados. Será nas instalacións do propio CIMM.

O Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas é un proxecto impulsado pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas, e conta con financiamento de fondos FEMP a través do GALP Golfo Ártabro Norte.